Eclipse entre Vacas en Casa Grande de Xanceda

13 de Agosto de 2026

Nada como vivir este evento astronómico desde a granxa

A zona da kombuchería foi a protagonista deste evento

O xoves pasado pasou algo que non acontece todos os anos. Nin todos os meses. Nin sequera todos os días. Un eclipse total de Sol! E nós vivímolo na nosa aldea, Xanceda.

Abrimos as portas da nosa granxa a 280 persoas que nos acompañaron no Eclipse entre Vacas. E puxémoslle o noso toque granxeiro a este acontecemento astronómico:

Prados cheos de vacas, un observatorio con arrecendo a herba seca, alpacas de palla no canto de cadeiras e, no canto dun auditorio, unha pradeira. E, por suposto, personalizamos as lentes de observación co noso inconfundible cowprint.

Os máis pequenos ensuciaron as mans recollendo cebolas na nosa ecohorta, descubriron que as follas funcionan como pequenos paneis solares grazas á fotosíntese e entenderon por que, sen Sol, non habería herba; sen herba, non habería vacas; e sen vacas... non poderían comer iogures ecolóxicos de Casa Grande de Xanceda!

Tamén houbo xogos tradicionais, visitas aos animais e moOoitas preguntas. Algunhas sobre o eclipse, outras sobre as vacas, outras sobre a nosa Kombuxa e algunha tan importante como: "As abellas tamén notan que o Sol desaparece?"

Mentres a Lúa seguía facendo o seu camiño, a música dun DJ puxo banda sonora a toda a tarde. Houbo degustacións dos nosos produtos ecolóxicos, cócteles preparados coa nosa kombucha e ese ambiente que tanto nos gusta: familias sentadas sobre a herba, nenos correndo e xente falando sen présa.

E, de súpeto... silencio.  Hai momentos que non precisan explicación.

Cando o Sol empezou a desaparecer, as conversas fóronse apagando e todos levantamos a cabeza. Durante uns minutos só se escoitaron exclamacións, algún "É imposible que escureza de todo!", algún "Uau!" e o son da gravación dalgún móbil intentando gardar unha imaxe imposible de esquecer.

O eclipse regalounos un deses instantes nos que todo o mundo mira cara ao mesmo lugar.

 

E as vacas?

Durante o eclipse, cando xa escurecera bastante, as nosas raíñas deixaron de pacer e agrupáronse nas saídas das pradeiras... algo raro estaban notando! En canto a Lúa volveu deixar brillar o Sol, pouco a pouco, repartíronse de novo polo prado e seguiron pacendo coma se nada.

 

E as galiñas?

Sen dúbida, coas que armamos unha boa foi coas galiñas. Puxemos unha cámara de fototrampeo porque estabamos convencidos de que, ao escurecer, ían subir aos poleiros para durmir. Pero... un dos nosos compis de granxa metéunas no galiñeiro antes de que comezase o eclipse! Así que elas pasaron o acontecemento completamente alleas aos dramas do universo. 

 

Casa Grande de Xanceda

¿Falamos?

Estamos 100% dispoñibles para ti. ¡Elixe o método de contacto que prefiras!.
mail
info@casagrandexanceda.com
telefono
981 687 007
ECOVISITAS: 682 867 417
localización
Casa Grande de Xanceda s/n 15685
Mesía · A Coruña
GPS: Lonxitude » -8.2578 Latitude » 43.0815
feito en galicia
Kitdigital