En casa Grande de Xanceda somos conscientes de como medrou a poboación de avespa velutina nos últimos anos e
necesitamos protexer ás nosas abellas autóctonas.
A velutina, ou avespa asiática provén desde Asia e está considerada invasora.
Son grandes depredadoras e destrúen as colmeas das abellas autóctonas para alimentarse, un só exemplar pode matar ata 50 abellas ao día! Por iso son tan perigosas para o equilibrio do noso ecosistema.
Como as velutinas son máis grandes e fortes, en casa Grande de Xanceda decidimos botarlle unha man ás nosas abellas. Por iso, levamos a cabo un
trampeo planificado que manteremos ata mediados de xuño. Por que o facemos estes tres meses? Pois porque é cando podemos capturar raíñas.
Trampear ás raíñas
Que por que trampeamos ás raíñas? MoOoi sinxelo:
as raíñas son as encargadas de formar un novo niño. Elas fan uns pequenos niños chamados niños primarios. Neles poñen as larvas das primeiras obreiras e, a partir daí, vaise desenvolvendo a colonia que pode chegar a 5000 exemplares. Así,
por cada raíña que cae nas nosas trampas, evitamos un niño de velutina. E por que nesta época? Porque é cando as raíñas saen da hibernación que fan nos meses máis fríos.
Elías é o noso apicultor de confianza e ten trazado un
amplo perímetro a ao redor da granxa para poñer as trampas e baixar así a futura carga de velutinas na zona.
O ano pasado evitamos que prosperasen uns 200 niños de velutinas. Ademais Elías sempre está á espreita por se algunha raíña vai de lista e sortea as nosas trampas. Entón, se ve un niño primario, procede a retiralo.
Este traballo manual, xa que hai que instalar as trampas e mudarlles semanalmente o líquido, é moOoi importante para frear a progresión da velutina. Debe estar sempre centrado nas raíñas, xa que de pouco serve capturar obreiras no verán.
Ademais de trampear ás velutinas, Elías tamén se encarga de coidar ás nosas abellas de mel.
Descúbreo neste vídeo!