O traballo rural, os usos agrícolas, o pastoreo e as persoas, evitan incendios no rural
Este ano, en Casa Grande de Xanceda, o noso Ecolabirinto medrou cunha mensaxe moi especial, pero que, coa vaga de incendios, cobrou un significado aínda maior. O millo converteuse nun tractor xigante, símbolo da forza do rural e homenaxe a todas as persoas que, día tras día, dádeslle vida, desde as aldeas, á nosa terra. E que aparecedes, como heroes silenciosos, cos vosos tractores, cisternas e ferramentas cando se vos precisa, como nesta horrible vaga de incendios que nos azouta.
Un labirinto en forma de homenaxe
O tractor que debuxa a nosa eira de millo é un tributo ás persoas que escolledes quedar no rural, mesmo ás veces sen os servizos necesarios.
É unha homenaxe a quen sementades, colleitades, limpades, coidades dos animais e protexedes a biodiversidade. Sen o sector primario non hai vida no rural, e sen rural non hai futuro nin para Galicia nin para o planeta.
Silvopastoreo: bombeiros de catro patas
Un dos xeitos máis naturais e intelixentes de previr incendios é o silvopastoreo: deixar que vacas, burros, ovellas e cabras pasten libremente entre prados e montes. Mentres se alimentan, limpan a vexetación seca e o mato, que son o principal combustible dos lumes. Fano de maneira continua e sostible, sen máquinas nin químicos.
Así, os animais convértense nos mellores bombeiros de catro patas, reducindo a intensidade e a extensión dos incendios. Esta práctica, que en Xanceda levamos anos aplicando, é unha mostra máis de como o sector primario non só produce alimentos, senón que tamén protexe o territorio. Ademais, o silvopastoreo axuda a manter a paisaxe agraria tradicional galega: pradeira salpicadas de bosques, que é unha ordenación boa para frear as lapas.
E cando chega o lume...
E cando o lume chega, moitas veces sodes tamén as persoas do campo quen colledes os vosos tractores e cisternas para plantar cara ás lapas.
Sodes heroes anónimos que defendedes a vosa terra, os vosos animais, as vosas casas… e tamén a nosa natureza común.
Un tractor cheo de vida
O Ecolabirinto deste ano non é só un xogo entre millo: é unha mensaxe clara e rotunda.
Cada camiño que percorras lembra a importancia de apoiar a quen mantén vivo o rural, protexe a biodiversidade e defende Galicia do lume.
E tamén a importancia de planificar máis e mellores medidas e recursos para facer fronte aos incendios nesta era de cambio climático na que vivimos.
Queres visitalo?
Este tractor feito de millo agárdate en Casa Grande de Xanceda.
Pérdete entre os seus camiños e descubre a mensaxe que agocha: Grazas ao sector primario.
Grazas a quen coida da terra e frea o lume.
Grazas a quen mantén con vida o rural galego.