14 de Outubro de 2022
Como empresa ecolóxica estamos a favor da enerxía renovable pero ben planificada e respectuosa coa contornaO macroparque Ordes-Curtis afecta, directamente, a Casa Grande de Xanceda. Preténdense instalar sete macroeólicos de 200 metros de altura en terreos lindeiros, situándose un deles a escasos 20 metros do Espazo Natural Protexido “Fragas e Brañas do Alto Gaiteiro”
O noso Consello Maior de Vacas cre que esta infraestrutura afectará moOoi negativamente a toda a biodiversidade da comarca, biodiversidade pola que, desde Casa Grande de Xanceda, facemos moitos esforzos por preservar e fomentar.
Unha das grandes ameazas para o medioambiente é a drástica redución de hábitats naturais da flora e fauna autóctonas. O parque eólico Gasalla suporá a construción de infraestructuras eléctricas moi invasivas: cimentacións de 30m de profundidade con 80 toneladas de formigón e aceiro, instalación dos macroeólicos, zanxas de cableado, habilitación de estradas de 6metros de ancho, construción dunha subestación eléctrica e unha torre meteorolóxica, instalación de liñas de alta tensión, entre outros. Moitas especies deixarían de atopar refuxio nestas terras!
Ademais, o parque eólico Gasalla forma parte do macroparque Ordes-Curtis, un polígono eólico que abarca todo o territorio entre Vilasantar e ata Mesón do Vento con 24 aeroxeradores de 200 metros de altura en constante movemento e máis de 50 km de liñas de alta tensión, que pretende sitiar aldeas e poñer en riesco o rural galego.
Na web de Aldeas Libres de Macroeólicos atoparás máis información detallada do proxecto e os seus impactos. Ademais, Casa Grande de Xanceda participou nunha mesa redonda para explicar en maior detalle esta grave ameaza.
Se queres axudar ás nosas vacas, podes presentar alegacións contra este proxecto en calquera Concello de Galicia. Aquí atoparás un modelo de alegacións que podes usar, personalizar e compartir. Unha sinatura ten moito máis impacto do que parece!
As nosas vacas agradecerancho moOoito!
