25 de Febreiro de 2025
Na nosa finca temos máis de 60 refuxios para paxaros. Son suÚuper hoteis para que as aves poidan sacar adiante as súas crías e resgardarse no inverno. E por que facemos isto? Pois porque na agricultura ecolóxica non usamos herbicidas, praguicidas nin fertilizantes químicos, así que unha boa cantidade e variedade de aves e morcegos funcionan como controladores naturais de pragas. Todos os anos, o Grupo Hábitat vén revisar a aniñación do ano anterior e limpar os refuxios. Esta actividade é moi importante para baleiralos de parasitos e que sexan atractivos para unha nova crianza.
Este ano atopámonos cunha suÚuper sorpresa durante a limpeza. Un leirón careto aproveitou un niño de párido para hibernar ben quentiño! E é unha boa noticia porque, ademais, sumamos unha nova especie ao noso Espazo Natural Protexido, as Fragas e Brañas do Alto Gaiteiro! NuUunca antes viramos un e, moi preto desa caixa, atopamos outra que os roedores están a usar como despensa. Está lleeeenííísima de abelás e landras! O Grupo Hábitat suxire que, pola proximidade, podería ser incluso a despensa do leirón. Por suposto, volvemos tapalo co niño e deixamos o refuxio no mesmo sitio, e nin se decatou! Agora entendemos iso de "durmir coma un leirón"

As aves tenden a abandonar os seus ovos se detectan algún perigo; é unha maneira de aforrar enerxía e esforzos nunha crianza que lles parece que non vai saír adiante. Este ano atopamos un niño de párido (os páridos son pequenos paxariños como os ferreiriños, rabirrubios ou subieliños) con oito ovos abandonados. Esa é unha zona de peto real e, aínda que os refuxios están deseñados para que poidan entrar, a súa simple presenza puido desincentivar os futuros proxenitores.

Mentres agardamos o informe de Hábitat sobre a aniñación deste ano, xa temos en mans o informe do ano anterior. As caixas que temos para as aves acadaron un 71% de ocupación, ¡30 de 41! Aínda que a esas 30 temos que sumar unha na que había unha familia okupa de ratos e outra que serviu a unhas intrépidas abellas para facer un enxame. ¡Tamén hai que dicir que os ratos okupas volveron estar este ano e non limpamos esa caixa para non desfacerlles a súa morada silvestre!
Na parte das caixas para morcegos, a cousa non vai tan ben. ¡Aínda que lles temos eses hoteis de luxo, eles prefiren a corte, será polo calor que desprenden as vacas! ¡A este paso, nunca os convencemos de que se muUuden!
Aínda que, sen dúbida, unha das mellores noticias do ano pasado foi que, por fin, as cegoñas fixeron a súa casa na nosa finca e tiveron un poliño. ¡Este ano xa están a reacondicionar o seu niño!

Se queres saber máis detalles de como funciona o noso sistema de caixas-niño, podes velo aquí:
